CRTVG

Buscar

Os galegos de entre 20 e 29 anos reciben a segunda dose de vacinación

Publicado o 24/08/2021 14:09

Nova xornada de vacinación no Gaiás, en Santiago. Case catro mil mozos, de idades comprendidas entre os 20 e os 29 anos, empezan a recibir a segunda dose da vacina de Pfizer.

"A primeira, moi ben, doeume un pouco o brazo, pero ben". "Molestoume un pouco dous días, pero ningún problema". "Deume un pouco, pero como unha resaca forte".

Hai fila para entrar, pero todo o proceso é moi fluído. Algúns acoden pouco convencidos a esta segunda picada.

"Ao cen por cento, non. Son algo desconfiado". "Desta vez, máis receosa porque din que dá máis reacción. Pero hai que vacinarse e punto". "Máis que nada poñela a ver se isto termina, que xa está un aburrido de máscaras e restricións".

Pero outros están máis seguros. "Convencidísima. Levo desexando este momento desde febreiro, cando vacinaron as miñas avoas". "Eu traballo como cura e fai falta para estar coa xente". "Teño que facelo para poder viaxar. Non me queda outra". "Por acabar isto dunha vez e volver á normalidade canto antes". "Moverse un pouco máis, viaxar un pouco". "Hai que se vacinar". "Precaución vou seguir tendo igual, coa máscara. É verdade que estás máis tranquila, pero o virus segue aí e hai que ter cautela".

Máis do 75% deste grupo de 20-29 anos conta xa coa primeira dose da vacina. Aínda non se sabe se van poder acudir todos a esta segunda cita. María José Parrado, enfermeira coordinadora do centro de vacinación do Gaiás: "Que non se preocupen que non van quedar sen vacinar. Váiselles completar a pauta coa segunda dose e volverán ser citados para inmunizarse."

 

Noticias web

24/08/2021