Os galegos apostan por un Camiño de Santiago case en exclusiva para eles
Hoxe chegaron a Compostela 33 peregrinos. Cos peches perimetrais vixentes, a maioría son galegos que apostan por esta oportunidade para facer o Camiño de Santiago con menos afluencia e máis contacto coa natureza.
A ooficina dos peregrinos rexistrou durante esta xornada do mércores 33 visitantes que chegaron facendo o Camiño de Santiago. En condicións normais as vías de peregrinaxe en Semana Santa estarían ateigadas de camiñantes estranxeiros, pero as limitacións dos peches perimetrais conforman unha situación ben diferente coa pandemia.
A maioría dos peregrinos son galegos que queren aproveitar a oportunidade de transitar polos diferentes camiños case en solitario, e cun contacto máis directo coa natureza ca nunca.
Unha aposta máis polo turismo de proximidade, enmarcada nun Xacobeo 2021 que se recordará como algo histórico e irrepetible, e que suma a recompensa de poder ver a Catedral de Santiago totalmente restaurada.