CRTVG

Buscar

Os fungos poñen en risco a colleita da uva na Ribeira Sacra

Publicado o 15/07/2021 14:55

O clima rebaixou as boas expectativas que había para a colleita de uvas deste ano na Ribeira Sacra. Fungos como o oidio e o black roth apareceron con intensidade e en breve chegará o mildio. Por iso é preciso reforzar os tratamentos fitosanitarios e, sobre todo, estar moi atentos ás viñas.

"Hai que estar pendentes. Se chegas tarde, non hai arranxo. Hai que estar vixiantes e ver a evolución", di Xosé Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador.

A mestura de humidade e calor fai que esta fin de semana poidan proliferar fungos e insectos. De non tratarse as videiras, pode haber minguas dun 30 % na colleita e que xa van ser como mínimo do 3 % polos danos causados ata agora. Así, convén tomar todas as precaucións e, como lembran dende o Consello, contratar seguros agrarios. "Todo o que son tratamentos ten un custo de man de obra e produtos. Isto é así e dependemos do clima todos os anos".

Este ano agárdase que a vendima veña adiantada na Ribeira Sacra de xeito que do traballo de prevención sanitaria que se faga nestes días dependerá a cantidade e calidade da uva recollida.
 

Noticias web

15/07/2021