CRTVG

Buscar

Os Franco piden retirar todos os bens de Meirás por non ser BIC

Publicado o 09/12/2020 17:26

Os herdeiros de Franco alegan que non están asociados co BIC, como bens de interese cultural e fan este último intento. Unha petición que dan por feito que será rexeitada polo xulgado. O inventario xudicial contén centos de mobles, esculturas ou pinturas sen esquecer a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. É un dos elementos máis valiosos, canda as dúas esculturas do Mestre Mateo e varias pezas de coleccións reais españolas.

En definitiva, un tesouro que, de momento, ata que se resolvan os recursos presentados polos herdeiros de Franco, estarán baixo custodia do Estado. Agora a pregunta é como xestionar e que uso darlle ao pazo. Diso falarase esta tarde. Nunha xuntanza que a vicepresidenta Carmen Calvo vai manter co presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura, ademais de representantes  da deputación da Coruña e do concello de Sada.

O inventario realizado por orde do xulgado recolle 697 obxectos históricos, 81 deles repartidos polo xardín. Para os historiadores, confirma o que xa se sabía sobre Meirás.

A lista foi elaborada por un grupo de expertos que non puideron abrir caixóns nin mover obxectos. Por iso, os historiadores piden unha catalogación máis precisa.

Disto dependerá que no futuro estes bens poidan volver ser patrimonio público.

Feijóo insiste en que o Pazo de Meirás se transfira a Galicia

Alberto Núñez Feiijóo lembra que Galicia liderou a recuperación do inmoble para o patrimonio público e defende a transferencia para a comunidade autónoma galega porque, segundo di o presidente galego, hai un plan claro para o pazo.

O BNG e o PSdeG reclaman que o pazo de Meirás sirva para recuperar a memoria democrática

Na véspera desa entrega do pazo de Meirás ao Estado, o BNG e o PSdeG felicitáronse pola recuperación do inmoble para o patrimonio público. Así e todo, din que é necesario abrir o debate sobre as fórmulas de xestión máis axeitadas.

Noticias web

09/12/2020