CRTVG

Buscar

Os fondos europeos e a covid-19 centran a reunión dos presidentes autonómicos

Publicado o 31/07/2020 15:45

A entrada de España en recesión sobrevoa sobre a reunión dos presidentes autonómicos. A Rioxa acolle a primeira Conferencia de Presidentes presencial tras a pandemia.

O Rei presidiu a inauguración deste encontro, que se celebra desde as dez da mañá no mosteiro de San Millán da Cogolla. Asisten todos os mandatarios autonómicos, agás o catalán, despois de que o lehendakari decidira a última hora acudir.

A repartición dos fondos europeos para a recuperación e a covid-19 son os eixes centrais deste encontro.

Na sesión da mañá Pedro Sánchez díxolles aos presidentes que el mesmo vai liderar a xestión do Fondo de Recuperación a través dunha comisión interministerial e que crearán un grupo de alto nivel que se encargará da colaboración público privada.

Segundo frontes da Moncloa, Sánchez prometeulles que os mandatarios autonómicos van participar na gobernanza deses fondos. Ao inicio da reunión o presidente do Goberno apelaba á unidade para a recuperación económica.

Sánchez falou tamén dos gromos da pandemia. Dixo que España está mellor preparada para xestionar a crise sanitaria pero pediu non baixar a garda.

Os presidentes autónomicos chegaban a este encontro pedindo participar na xestión dos fondos. Alberto Núñez Feijóo demandou ademais maior coordinación sanitaria e coñecer o orzamento do estado e as previsións económicas para o 2021.

O lehendakari Iñigo Urkullu decidiu acudir no último momento tras chegar a un acordo os gobernos español e vasco sobre a senda de déficit. Só faltou o presidente de Cataluña, que dixo que considera que a situación da epidemia non está para saír da comunidade.

Noticias web

31/07/2020