Os feirantes toman o Concello de Lugo para pedir que lles deixen instalar as atraccións para San Froilán
Este é o momento en que os feirantes toman a entrada do concello de Lugo. Protestan porque o Goberno municipal non lles permite instalarse durante o San Froilán. Minutos antes, a concelleira de Cultura e responsable das festas, a nacionalista Maite Ferreiro, saía fóra para explicarlles que non o permiten porque tendo en conta como é o recinto feiral é inviable cumprir o protocolo sanitario que marca a Xunta.
Protestas dos feirantes e plantón dos grupos da oposición á reunión da comisión de festas onde se decidía sobre as atraccións.
"O grupo do PP non pode ser cómplice desta decisión unilateral do BNG para facer as festas á súa medida", di Ramón Carballo, voceiro municipal do PP:
Finalmente, os feirantes saíron do concello a cambio de reunirse coa concelleira. A edil comprometeuse a estudar a posibilidade de permitir a instalación das barracas se a Xunta cambia o protocolo sanitario.
"Se a Xunta rectifica eses puntos, a concelleira deixounos a porta aberta", di Ángel Gutiérrez, presidente da Unión de Industriais Feirantes de España.
Os feirantes mesmo están dispostos a atrasar as datas. Aseguran que non lles importaría montar as atraccións despois do San Froilán. O único que queren, din, é traballar e insisten en que noutros lugares foi posible.