Os feirantes ameazan con boicotear o San Froilán en plena división no seo do Goberno de Lugo
Dous anos despois poderemos ver de novo esta imaxe. Se nada cambia, haberá barracas no San Froilán, logo de que a alcaldesa decidira autorizalas a menos dunha semana das festas. Unha decisión que xerou tensións no bipartito do Concello. A socialista Lara Méndez di que o feiral é positivo para reactivar a economía local. A nacionalista Maite Ferreiro, que asegurara que o que poida ocorrer nas festas será responsabilidade da alcaldesa, mantén a súa negativa co argumento da seguridade.
Por se fose pouco, esta mañá algúns feirantes aseguraban que os técnicos municipais están rexeitando a instalación dalgúns postos de comida no feiral. Se iso non cambia, din, non acudirán ao San Froilán.
Todo iso a tan só tres días do inicio previsto da montaxe das barracas e a cinco do pregón inaugural.