Os expertos recomendan redactar os testamentos a partir dos 40 anos
A media de idade para facer o testamento anda polos 70 anos, pero se cadra non é unha boa idea deixalo para tan tarde, aínda que vexamos a morte alí ao lonxe. Avogados e notarios recomendan redactalo canto antes para evitar tanto gastos innecesarios como posibles leas familiares.
Ter máis de 14 anos de idade e non estar incapacitado a efectos legais. Son os únicos requisitos para facer testamento, un trámite que a maioría das persoas en España demoran ata que superan os 70 anos. Este atraso é algo que os especialistas desaconsellan porque facer testamento ten moitas máis vantaxes que non facelo e porque é un trámite moi sinxelo e barato, custa uns 36 euros, e que aforra gastos e pode evitar problemas familiares. Un caso dos máis comúns é o do acceso ás contas bancarias por parte dos herdeiros do falecido cando non hai testamento, aí pódese tardar meses en acceder aos cartos e non sempre se consegue.
Se hai testamento basta con acreditar a identidade dos herdeiros para acceder ás contas mentres que doutro xeito hai que presentar moita máis documentación. O proceso dilátase e sae moito máis caro en tempo e diñeiro.
Os expertos recomendan facer testamento a partir dos 40 anos e sobre todo se se teñen fillos ou relacións estables. A fórmula habitual é a de testamento aberto, que se realiza ante un notario e queda alí depositado. O testamento pódese cambiar cantas veces se desexe, sendo a última copia a que terá validez en caso de falecemento. En caso de non haber testamento, en Galicia os fillos do falecido reciben directamente unha cuarta parte dos seus bens, o que se coñece como lexítima.