CRTVG

Buscar

Os veciños de Todoque intentan salvar o indispensable antes de que a lava destrúa todo

Publicado o 21/09/2021 20:56

• O volcán arrasou preto de 200 vivendas no seu lento camiño ao mar

• O Goberno inicia os trámites para declarar a zona de emerxencia 

• A UE pode axudar con máis de 400 millóns | Sinal EN DIRECTO 

Os grandes espesores do muro de lava que avanza cara ao mar na Palma, de ata 12 metros nalgúns puntos, poderían provocar en zonas de maior pendente a formación de grandes fragmentos de coada que poden desprenderse da fronte e alcanzar maiores distancias. O comité científico que asesora ao gabinete de crise precisa que a lava avanza a unha velocidade de 200 metros por hora e que a deformación do chan na zona próxima á erupción do volcán ascende aos 28 centímetros.

Nunha primeira avaliación provisional dos danos materiais, o Pevolca estima que 185 edificacións puideron quedar afectadas, dos que 63 serían vivendas, segundo o catastro. Evacuáronse polo momento 5.700 persoas, entre as que se inclúen as 200 de Tacande evacuadas o luns á noite. Nos albergues habilitados permanecen apenas 132.

As vivendas afectadas serán moitas máis tras penetrar a coada en Todoque, unha localidade duns 1.200 habitantes no municipio de Los Llanos, onde aínda moitos veciños apuran para poñer a salvo aveños e efectos persoais antes de que os desaloxasen. É o último obstáculo, no que a núcleo urbano se refire, na traxectoria do magma cara ao mar. 

Os expertos e os responsables públicos coinciden en que acabará sucedendo, e por iso se estremaron as precaucións, porque o previsible é que cando a lava a 1.000 graos de temperatura entre en contacto coa auga salgada libere gases tóxicos e se produzan explosións.

O sur da illa recibiu xa a primeira chuvia de cinsas. E ao final dunha xornada tan gris, case pasa desapercibida a mellor das noticias: polo de agora, esta erupción non produciu ningunha vítima mortal. 

A coada segue o seu rumbo cara á praia dos Guirres. Alí, en contacto cos sales mariños, a lava pode formar gases con cristais minúsculos de xofre en suspensión e mesmo unha chuvia ácida.

Pero os riscos non acaban aquí. Esta pasada noite abriuse unha nova boca do volcán, a novena. Continúan os tremores e a presión do magma segue facendo aumentar o nivel da illa, que subiu 28 cm. Iso quere dicir que poden abrirse novas bocas nas próximas horas. A lava cobre máis de cen hectáreas de terreo. En terra mantense un perímetro de seguridade de dous km e está prohibida a navegación na zona de costa de Todoque. O tráfico aéreo continúa sen interrupcións. 

O presidente das Canarias Anxo Víctor Torres remarcou que ese momento será "crítico" e lembrou o precedente da erupción do  Teneguía, en 1971, cando unha persoa morreu pola inhalación dos gases despedidos do choque da lava e o mar.

Torres fixo esta advertencia acompañado polo presidente do Goberno Pedro Sánchez, quen se sumou á chamada de prudencia e avanzou a próxima declaración da Palma como zona de emerxencia horas antes de viaxar a Nova York para participar na Asemblea Xeral de Nacións Unidas. A súa idea é regresar á Palma en menos de 48 horas, o xoves, para acompañar o rei Filipe na illa.

O director técnico do Plan de Emerxencias Volcánicas de Canarias (Pevolca) Miguel Ángel Morcuende detallou que a lava discorre por dúas linguas, unha das cales, a situada ao suroeste, nas Manchas, ten "un movemento mínimo", apenas uns dous metros por hora, e no comité científico "dubidan" de que se vaia reactivar.

A outra é a que avanza ladeira abaixo e que xa entrou en Todoque, alimentada, ademais, pola nova boca que se abriu na noite deste luns (a novena) e obrigou ao desaloxo dos veciños de Tacande, en El Paso.

Morcuende explicou que o magma que sae desta nova boca é máis fluído e atopa "menos dificultades para moverse" porque o fai sobre a coada proveniente do cono principal.

O director técnico do Pevolca concretou que a deformación acumulada da superficie próxima á zona da erupción ascende aos 25 centímetros, un "dato moi importante para demostrar a tensión" na cámara interior do volcán e que nos di "que vai seguir habendo erupción", subliñou. "Mentres haxa deformación, estamos cun problema claro. Este é o dato fundamental", aseverou.

Noticias web

21/09/2021