CRTVG

Buscar

Os expertos piden un cambio no mercado da luz para frear a escalada de prezos

Publicado o 10/08/2021 15:40

O prezo da luz non atopa teito e volve marcar hoxe outra cifra récord. Aínda que semella que xa nos imos afacendo a este titular, o certo é que en ningún momento da historia a electricidade estivo tan cara  no noso país.  Custará de media 111 euros o megawatt/hora. Para que se fagan unha idea desta escalada de prezos: hai un ano estaba en 38 euros, tres veces menos que o custo actual.

Pois todo apunta a que a suba da luz non vai ter freo. Ao contrario: algúns expertos estiman que o prezo da electricidade seguirá subindo mentres non haxa un cambio no deseño do mercado da luz.

O recibo da luz non para de subir. E todo indica que agosto vai ser o mes máis caro de toda a serie histórica. Hoxe o megawtt/hora cústanos tres veces máis ca hai un ano. Os cidadáns están a velas vir, sen saber nin como nin por que se chega a esta situación.

A suba do mercado eléctrico ten que ver polos altos prezos, entre outros, do gas natural, necesario para que as empresas enerxéticas poidan producir electricidade. Tamén polo encarecemento dos dereitos de emisión de dióxido de carbono. Así, hai expertos para os que a contención do prezo debe pasar por un cambio no funcionamento do mercado.

As oscilacións do prezo afectan os usuarios que están acollidos á tarifa regulada, uns dez millóns. Están exentos os que se encontran no mercado libre, 17 millóns, cun prezo pactado coas compañías.

Noticias web

10/08/2021