Os expertos piden prudencia na desescalada polas variantes da covid−19
• Urxen a poñer a segunda dose para protexer contra a variante delta
Os expertos advirten que a variante delta, máis contaxiosa, ten menos eficacia cunha soa dose da vacina e por iso reclaman que se complete a pauta canto antes. De momento, está freando a desescalada en Europa e xa está presente nas augas residuais da Coruña. En Galicia, o primeiro caso detectouse nun barco en Vigo.
"É unha ameaza que está aí e que debe movernos a incrementar a velocidade da vacinación. Sobre todo daqueles grupos máis vulnerables, os maiores de 60 anos, tratar de telos xa coa segunda dose canto antes. Non importa neste caso non esperar ás doce semanas, poden ser once e mesmo dez, o importante é conseguir esa inmunidade nestes grupos", di Juan Gestal.
Segundo este epidemiólogo, completar a pauta da vacina e controlar os viaxeiros que procedan dos países máis afectados axudará a conter esta variante. De momento, non cre que vaia afectar os plans de desescalada.
Juan Gestal cre que en Galicia, pola situación epidemiolóxica, a máscara en exteriores xa se puido retirar antes pero, aínda así, pide prudencia.
"A máscara, esas imaxes de quitala e tirala, non; é quitala e gardala no peto para buscala nalgúns momentos".
Lembra que, de momento, hai que seguir utilizándoa en interiores e tamén en exteriores sempre que non se poida mater a distancia de seguridade.