CRTVG

Buscar

Galicia avanza na desescalada e Sanidade valora aumentar o límite das xuntanzas

Publicado o 24/05/2021 15:10

Un máximo de catro persoas no interior e de seis se a xuntanza se produce no exterior son os límites establecidos para os encontros de non conviventes na nosa comunidade autónoma. A medida adoptouna o comité clínico no peor momento da pandemia, pero agora estuda mudala. O Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña mantén: "Neste momento temos que ir traballando en relaxar esta medida. É un tema que está na orde do día do comité clínico de mañá".

Coa incidencia á baixa do virus en Galicia e se se mantén o actual ritmo de vacinación da poboación, din os expertos que é posible ampliar o número de non conviventes que poden reunirse, pero piden prudencia e mesmo establecen algunhas excepcións.

"Consideraría manter fóra desas reunións de maior número de non conviventes as persoas de alto risco, independementemente da súa situación de vacinación: indicaría que esas reunión fosen entre persoas vacinadas e sen grandes factores que determinen riscos de complicacións na enfermidade", di a xefa de Medicina Preventiva do CHUAC. 

Porque o perigo de repuntas segue aí. O Sergas vixía en Vilalba un gromo que afecta xa 22 persoas. "Todos os casos están identificados e trazados. Hai un grupo ligado a casos que apareceron no colexio e no instituto", di  Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña.

E os cribados seguen detectando asintomáticos que estaban contaxiando sen sabelo. No instituto de Mos, onde había 22 casos, apareceron outros 12. E nos realizados en centros comerciais de Vigo saíron á luz sete positivos. Na Pobra do Caramiñal o cribado detectou sete infectados de covid−19.

Neste camiño cara á desescalada tamén se prevé a posibilidade de aliviar o uso da máscara en espazos ao aire libre. A proposta, en principio, non se debaterá na próxima reunión do comité clínico. Os expertos din que será antes ou despois, pero que, en calquera caso, non se pode pensar aínda nunha vida sen ela.

Noticias web

24/05/2021