CRTVG

Buscar

Os expertos consideran prematuro afirmar a eficacia das células nai no tratamento do coronavirus

Publicado o 06/03/2020 13:58

A noticia deuna hai unhas horas o viceministro de Ciencia da China. Alí acaban de dar de alta catro pacientes que estaban graves e que se recuperaron tras ser tratados con células nai.

Os expertos neste tipo de medicina rexenerativa participaban hoxe precisamente nun evento internacional organizado polo CIMUS da Universidade de Santiago, e que puxo en contacto especialistas de 101 universidades. Coinciden en subliñar que a recuperación se pode deber ao efecto antinflamatorio que ten a terapia celular substititiva.

Xosé Luís Labandeira, investigador en células nai, explicou que "as células nai, nun ambiente dun tecido inflamado ou en dexeneración, durante o tempo que viven aí producen unha serie de factores que o que fan é reverter o proceso inflamatorio, co cal ese proceso non vai a máis e as células dese tecido que estaban danadas, desaparecendo ou morrendo, se recuperan.  "Poden favorecer o sistema inmune do paciente ou rebaixar a inflamación", engade a investigadora Jeannette Rodríguez.

Isto é o que os expertos denominan 'efectos inespecíficos'. Supoñen unha mellora pero falta aínda superar todas as probas científicas requiridas para considerar que é realmente un tratamento. "Penso que neste tema é moi prematuro, aínda. Cómpre rematar todo o procedemento, ensaios clínicos, etc".

Onde si hai avances é no grupo investigador do parkinson do CIMUS onde ven esperanza no uso de células nai adultas de procedencia non embrionaria.

Noticias web

06/03/2020