CRTVG

Buscar

Recomendan pór canto antes a segunda dose da vacina polo avance da variante delta

Publicado o 21/06/2021 14:43

Máis contaxiosa, maior velocidade de transmisión e máis proclive a eludir a efectividade das vacinas, sobre todo cando non se ten a pauta completa. Son as características da variante delta do coronavirus.

O inmunólogo Alfredo Corel di que se viu "que persoas que están cunha única pauta da vacina poden ter maior risco de ter esta variante e, polo tanto, convén que aceleremos as pautas de vacinación sobre todo na idade de 60 a 69 anos, onde hai aínda unha porcentaxe de persoas cunha única pauta de vacinación bastante importante".

En España a presenza da variante delta, orixinada na India, é aínda limitada. Pero avanza con rapidez en Rusia, Alemaña ou Portugal, e no Reino unido xa é predominante, atópase no 90 % dos contaxios. Por iso, algúns expertos cren que é cedo para eliminar a máscara no exterior.

"Eu penso que é prematuro. Deberiamos facelo cunha incidencia de 25 ou menos, e cunha pauta de vacinación completa do 70% da poboación", asegura Daniel López Acuña, epidemiólogo e exdirectivo da OMS.

Lembra que a sensación de falsa seguridade pode levarnos a dar pasos atrás. É o caso de Israel, un dos países con maior porcentaxe da poboación vacinada. Nel xa se levantara o uso obrigado da máscara, e as autoridades volveron impoñer a súa utilización nalgunhas zonas do país, tras rexistrar novos gromos de covid-19 en varias escolas.

Noticias web

21/06/2021