CRTVG

Buscar

A OMS presenta un plan para en nove meses ter vacinada o 70 % da poboación mundial

Publicado o 08/10/2021 13:06

A partir de que idade está recomendada a terceira dose da vacina? De momento só para maiores de 70. O motivo: hai evidencia científica de que con dúas doses continúa a protección fronte á hospitalización e a morte, pero baixa un pouco a posibilidade de infectarse e transmitir o virus.

"É que é algo normal para calquera vacina neste grupo de persoas que habitualmente necesitan máis doses para conseguir o mesmo resultado que na xente que, digamos, ten o seu sistema inmune normal", explicaba a Televisión de Galicia o asesor de vacinas da OMS, Federico Martinón.

"Temos evidencia de que nestes grupos de idade, que son os primeiros que se vacinaron e, polo tanto, dos que temos máis información, diminúe a capacidade de infección fronte á infección, polo tanto, fronte á transmisión do virus, e seguen sendo o colectivo de maior risco de complicación en caso de infectarse" aseguraba Pilar Farjas, do comité clínico galego.

E tamén hai consenso en que non se debe xeneralizar a terceira dose nos países ricos cando parte do planeta está sen vacinar. Mentres o virus siga circulando poden aparecer novas cepas que escapen ao efecto das vacinas.

"Ese é o maior risco que temos: que vaian aparecendo e circulando variantes fronte ás que as vacinas non protexan", advertía Farjas. "Dende logo a prioridade é que chegue a primeira dose á xente que aínda non a recibiu", dixo Martinón.

E iso require unha estratexia global. A OMS acaba de presentar un plan para ter vacinada o 70 % da poboación a mediados de 2022. O obxectivo de poñer fin á fase aguda da pandemia esixe que os países ricos cumpran coa doazón de vacinas prometida e acepten que as farmacéuticas atendan os pedidos dos países máis necesitados.

Noticias web

08/10/2021