CRTVG

Buscar

Os evacuados seguen os acontecementos coa impotencia de ver arrasadas as vivendas

Publicado o 21/09/2021 15:36

Con angustia seguen os veciños dos concellos palmeiros do Paso, Os LLanos de Aridane e Tazacorte o lento discorrer da lava cara á costa.

Ata o momento son 5.500 as persoas evacuadas dos seus fogares, moitos xa destruídos pola erupción do volcán Cumbre Vieja, pero non se descartan novos desaloxos a medida que avance a xornada.

"Estímase que a lava non vaia cara ao fondo, senón que se ensanche, polo tanto podería haber novas situacións de evacuacións", di Omar Hernández, concelleiro de Medio Ambiente do Paso.

No campo de fútbol do Paso, convertido en centro de recepción, os evacuados reciben as primeiras atencións e son trasladados a un antigo acuartelamento militar con capacidade para medio milleiro de persoas.

"Estamos evacuando todo o que podemos, conxuntamente cos seus animais, valores materiais, no que podemos axudarlles, pero o estado anímico xa lles adianto que é moi complicado, hai persoas maiores, persoas con mobilidade reducida", explica o concelleiro.

Desde aquí tamén se recibe e reparten os alimentos que necesitan as máis de 600 persoas que traballan no operativo de emerxencia. Esta noite a terra volveu tremer ata tres veces na illa canaria e moitos veciños pasaron a noite en vela.

"Isto é moi triste, a xente está moi nerviosa, estamos todos moi nerviosos"; "Toda o noite de Deus con ese tremor de tres non sei canto, que non durmimos en toda a noite. Toda a xente fóra da casa por se acaso había problemas. Vivimos mal, mal, mal", din os veciños.

Nas próximas horas chegará á Palma un barco do Instituto Oceanográfico para estudar os posibles efectos da coada de lava no mar.

Noticias web

21/09/2021