CRTVG

Buscar

Os EUA superan a España como o segundo país con máis falecidos por COVID-19

Publicado o 09/04/2020 08:10
Os EUA superan a España como o segundo país con máis falecidos por COVID-19

Estados Unidos superou este mércores a España como o segundo país do mundo con máis falecidos por COVID-19 con 14.817, só por detrás de Italia, que conta 17.669, segundo os últimos datos da Universidade Johns Hopkins.

O país norteamericano alcanzou os 14.817 tras sumar case 2.000 novas mortes nas últimas 24 horas, mentres que España contabilizou 14.792 (14.555, segundo os últimos datos oficiais do Ministerio de Sanidade español).

Máis da metade de falecidos -uns 8.100- concéntranse na área de Nova York (estados de Nova York, Nova Jersey e Connecticut), o grande epicentro do coronavirus nos Estados Unidos. Só na cidade de Nova York faleceron 4.571 persoas.

Michigan con 959 falecidos, Luisiana con 652, California con 505, Illinois con 462, Massachusetts con 433 e o estado de Washington con 431 agrupan a maior parte dos falecidos fose da área de Nova York.

En canto a contaxios de COVID-19, os EUA seguen como o país do mundo con máis casos confirmados ao alcanzar este mércores os 432.132 tras sumar case 32.000 nas últimas 24 horas. Son case o triplo que España e Italia, segunda e terceira con 148.220 (146.690, segundo os últimos datos oficias do Ministerio de Sanidade) e 139.422, respectivamente.

De novo a área de Nova York concentra a maior parte de casos confirmados con máis de 200.000, mentres que Michigan pasou este mércores os 20.000, California os 18.000, Luisiana os 17.000 e  Massachusetts e Pensilvania os 16.000.

De todos os contaxiados, só uns 22.900 foron dados de alta ata a data, mentres que uns 9.300 están ingresados en unidades de coidados intensivos.

En todo o país, onde viven uns 328 millóns de habitantes, realizáronse xa máis de 2,2 millóns de test de coronavirus a un ritmo de máis de 100.000 diarios.

Preto dun 90 % desa poboación vive en zonas con ordes de confinamento e o Goberno de Donald  Trump promoveu medidas para frear a expansión do virus que rexerán polo menos ata o 30 de abril.