CRTVG

Buscar

Os aliados piden que ninguén se achegue ao aeroporto de Cabul pola elevada ameaza terrorista

Publicado o 26/08/2021 09:05

Conta atrás para rematar as evacuacións en Afganistán. Ao prazo do 31 de agosto imposto polos Estados Unidos para marcharen as tropas do país únese a ameaza dun atentado terrorista nas inmediacións do aeroporto de Cabul, onde continúan amoreadas milleiros de persoas esperando ser evacuados. 

A embaixada dos Estados Unidos en Afganistán advertiu dunha elevada ameaza de ataque terrorista ao aeroporto, advertencia á que se sumaron o Reino Unido e Australia. Pídenlle á xente que abandone os exteriores do aeródromo, que agarde nun lugar seguro.

Co prazo do 31 de agosto como data tope para as evacuacións, os países apuran para sacar os seus nacionais e colaboradores.

Entre os equipos operativos que aínda seguen na capital afgá, hai 15 efectivos dos GEO e a Unidade de Intervención Policial da Policía Nacional, realizando labores preventivas e de orde.

Polo momento, o Goberno español non puxo data límite para rematar o operativo e informou que están planificando a retirada definitiva do persoal que inda está en Afganistán coordinando a evacuación dos colaboradores afgáns.

331 persoas chegaban nas últimas horas á base de Torrexón de Ardoz procedentes de Afganistán.
Desde que os talibáns tomaron o poder, máis de 82.000 persoas fuxiron do país a través do aeroporto de Cabul.

Como o tempo se acaba, os Estados Unidos multiplicaron o número de voos para completar a retirada total este mes. Só van quitar xente ata o domingo. O luns e o martes priorizarán a saída de tropas.

Alemaña di que hai que seguir evacuando xente máis alá da ponte aérea que remata o 31. Angela Merkel insiste en que hai que continuar esforzándose en rescatar todas as persoas que precisen protección.

Os talibáns anunciaron que permitirán voos comerciais ao estranxeiro despois do martes, e que as persoas con documentos legais e visado poderán abandonar o país, pero os gobernos occidentais non se fían.

E mentres a comunidade internacional está pendente do aeroporto, no centro de Cabul, a imaxe das últimas horas era esta. Longas ringleiras de xente fronte aos bancos, que abriron por primeira vez en dez días. Os prezos levan unha semana subindo e os talibáns aínda non se pronunciaron sobre a grave situación económica tras a conxelación dos fondos do Banco Mundial e do FMI, nin sobre os seus plans para reactivar a economía á espera da configuración dun novo Goberno.

Noticias web

26/08/2021