CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos abren a man coas recomendacións sobre viaxes a España

Publicado o 09/06/2021 03:22
Os Estados Unidos abren a man coas recomendacións sobre viaxes a España

O Departamento de Estado dos EUA actualizou as súas advertencias de viaxe pola mellora da situación epidemiolóxica derivada da pandemia en numerosos territorios, España incluída. Ata o de agora os Centros de Control de Enfermidades -CDC- tíñana no nivel 4, de risco moi alto, polo que lles recomendaban aos estadounidenses "non visitala" en ningún caso agás que fose de forza maior e estivesen vacinados; agora sitúana no nivel 3, de risco alto, polo que a recomendación de non viaxar cambia pola de "repensalo", mantendo o consello de que veñan unha vez lles poñan a vacina.

Con España, baixan de nivel 4 a 3 case 60 países, entre os que están socios da UE como Portugal, Francia, Italia, Alemaña e Grecia, mentres Bélxica ou Suecia continúan no de risco moi alto. De fóra da Unión, pasan a nivel 3 Rusia, O Xapón, Suráfrica ou México. No baixo está unha trintena de territorios como Israel, Islandia e Malta.

A flexibilización coincide coa apertura das fronteiras de países da UE como España aos turistas estadounidenses que estean inmunizados: abríronse o luns. O cambio prodúcese a horas de que o presidente Joe Biden saia rumbo a Europa na súa primeira viaxe ao exterior: con escalas no Reino Unido, en Bruxelas -onde participará nunha reunión da OTAN e nun cumio bilateral coa Unión Europea- e en Xenebra, onde se verá co presidente ruso, Vladimir Putin.