Os estudantes preparan a ABAU condicionados pola pandemia
Xurxo e Claudia son compañeiros de clase, estudan segundo de bacharelato en Ourense. Tamén a eles lles tocou vivir estes tempos de aulas virtuais e confinamento. Agora preparan os exames de acceso á universidade.
"Agora mesmo é un pouco raro, coma todo, vaia, supoño que para nós un pouquiño máis. Hai algunha dificultade para materias como matemáticas ou química, que si que necesitas algo máis de explicación, pero hai que dedicarlle algo de tempo todos os días, porque son moitos días na casa que podemos aproveitar moitas horas", conta Xurxo, estudante de 2º de bacharelato.
Combinan o estudo na casa coas clases presenciais de reforzo que empezaron onte no instituto. Saben que algunhas cousas serán este ano algo diferentes, mesmo os exames en si.
"Non temos a terceira avaliación, é unha parte da materia que non levamos dada como nós queriamos, que é presencial, onde podes aproveitar moitísimo máis o tempo e preguntar moitísimas máis dúbidas. Pero por outra temos os exames, que, ao meu parecer, son máis fáciles, xa que tes moitas preguntas para descartar", di Claudia, estudante de 2º de bacharelato.
A terceira avaliación pode axudarlles a subir a nota un 20 por cento, pero agora, din, toca estudar. Con bastante máis optimismo que hai unhas semanas. Así o conta Xurxo: "Agora como empezamos a saír tamén se anima un máis, empezan as clases xa, parece todo un pouco máis normal, entón si, bastante animados".
Xurxo e Claudia serán dous dos dez mil estudantes que se presenten ás probas de acceso á universidade en Galicia o vindeiro mes de xullo.