CRTVG

Buscar

Os estudantes afrontan o segundo día da ABAU máis tranquilos e contentos

Publicado o 08/07/2020 13:31

A espera dos estudantes para entrar ás probas para a selección de acceso á universidade era hoxe ben distinta a onte. Víanse con menos nervios pero sen perder a atención no momento da chamada.

O acceso, tras un día de experiencia nas medidas preventivas da covid-19, víase máis áxil. Preguntamos como lles foi todo na xornada da estrea.

"Onte foi un día bastante duro, estabamos con bastantes nervios, porque saiamos moi tarde e tal, e hoxe vimos moito máis tranquilos, porque á fin e ao cabo, só son exames e a verdade é que... bastante ben", di unha rapaza.

Outro estudante confírmanos que a cousa foi ben, "sobre todo pola tarde con Economía e Matemáticas". "Pola mañá tivemos Castelán e Historia de España, que me foi moi ben, agás as composicións", engade.

"Foi duro, moitos exames xuntos, pero ben. Foi bastante fácil e estivo ben. E hoxe, pois tamén igual", coméntanos outro rapaz.

Este mércores a Lingua Galega e o Inglés eran materia de avaliación nas primeiras horas e, polo que dicían, isto tamén lles alixeiraba o acelerón.

"Hoxe hai poucos nervios, porque onte, a verdade, é que saíu bastante ben e hoxe xa vas con máis ánimos; ves que os exames son máis accesibles do que pensabas e é máis doado de afrontar", sinala unha estudante.

"Matemáticas custoume un pouco, pero máis ou menos ben. Hoxe teño Inglés e Galego. Agardo sacar boa nota en Galego. O Inglés cústame máis, pero espero aprobalas", comenta.

Máis de 14.500 estudantes están matriculados para a ABAU deste ano en Galicia. A organización duns exames que este ano requiriu máis recursos debido á crise do coronavirus.

Segundo os organizadores, todo discorre segundo o previsto e co cumprimento das medidas de protección sanitaria. A crise da covid obrigou a empregar máis persoal para afrontar as probas.

O delegado da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, Celso Rodríguez Fernández, explica que este ano estiveron nas comisión delegadas 810 persoas.

"Outros anos non pasariamos de 450", di.

"Temos o tribunal único aquí, na sede da CIUG, pendente de posibles incidencias, e logo non hai que esquecer que as universidades galegas contan con sete campus, onde hai persoal que matricula os alumnos e que este ano o fixeron en condición de non presencialidade, e creo que hai un traballo previo que funcionou ata agora e pido que siga dentro desta normalidade un pouco anormal", salienta Celso Rodríguez.

Mañá, última xornada das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, entrarán xa en acción parte das 790 persoas encargadas de corrixir os exames en Galicia.

Noticias web

08/07/2020