CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos autorizan a vacina de Pfizer contra o coronavirus

Publicado o 12/12/2020 09:52

O organismo regulador de medicamentos dos Estados Unidos, a FDA, autorizou o uso da vacina da farmacéutica estadounidense Pfizer contra a covid-19. Pode comezar así a campaña de vacinación e millóns de estadounidenses vulnerables comezarán en menos de 24 horas a recibir o tratamento.

Unha alianza con servizos de mensaxería permitiu xa comezar a enviar a vacina a cada estado do país. A medida chega na mesma semana en que o país bateu marcas de hospitalizados e número de mortos desde o comezo da crise sanitaria, pois supera as 3.000 diarias. A potencia mundial súmase ao Reino Unido, o Canadá e México, entre outros na listaxe de países que xa ofrecen tratamentos aos contaxiados polo virus. A partir de agora o Goberno federal poderá distribuír 2.9 millóns de doses nos próximos días.

Os gobernadores decidirán onde van ir as vacinas nos seus estados e quen as recibirá primeiro. Os anciáns, traballadores sanitarios e de emerxencia han ser os primeiros, asegurou o presidente Trump que anota unha vitória a mesma noite en que o Supremo afundiu as súas últimas esperanzas de reverter o resultado das presidenciais.

Pfizer prometeu 25 millóns de doses antes de finais de ano (cada persoa precisa dúas doses) e completar as 100 millóns adquiridas polo Goberno de Trump a cambio de 1.950 millóns de dólares cando chegue marzo. A próxima semana a FDA podería autorizar tamén a vacina de Moderna, o que dobraría a capacidade do país para distribuír e vacinar os seus cidadáns. As autoridades insisten en que todo o que queira estar vacinado poderá facelo antes de xuñlo de 2021.

Os dartos máis recentes indican que hai 15.834.965 contaxios e case 300.000 falecidos pola covid-19 nos Estados Unidos, máis que en ningún outro país.

 

Noticias web

12/12/2020