CRTVG

Buscar

Os especialistas defenden a idoneidade de administrar a terceira dose da vacina da covid xunto coa da gripe

Publicado o 14/10/2021 13:58

A primeira chamada á calma dos especialistas é sobre a dobre vacinación gripe-covid. Poñer dúas ou máis vacinas no mesmo acto médico é algo que se fai dende hai décadas e ata é moi frecuente no caso das vacinas infantís.

"Moi habitual en vacinación internacional para viaxeiros, tanto como en nenos, agora mesmo coa combinación de vacinas estanse administrando varias picadas, ata no mesmo brazo", explica Cristina Fernández, xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área de Santiago-A Barbanza.

Os especialistas chaman a vacinarse contra a gripe a todos os maiores de 65, as persoas vulnerables, o persoal sanitario e  o das residencias. E tamén o recomendan para todos os que teñan, polo traballo, trato habitual con moitas persoas. Pero, insisten, esperan que este sexa un ano normal.

E consideran excesivamente alarmistas as informacións que falan dunha dobre pandemia. "Cunha porcentaxe tan alta de vacinación en covid e esperando que a xente responda á campaña da gripe, non cabe esperar que poida haber unha maior gravidade de ambas infeccións conxuntas".

O que cabe esperar é que a covid se vaia converter nunha infección como outras, que debe combaterse con vixilancia, control e illamento dos casos que serán, na súa maioría, importados.

 

Noticias web

14/10/2021