CRTVG

Buscar

Os enfrontamentos das últimas horas deixan en Bolivia uns 9 falecidos

Publicado o 16/11/2019 21:35

Os enfrontamentos producíanse o venres nunha estrada entre as cidades de Cochabamba e a veciña Sacaba. Forzas militares e policiais, que realizan operacións conxuntas desde o luns pasado ante a vaga de violencia en Bolivia, reprimían con balas unha marcha de partidarios do ex-presidente Evo Morales. Os disturbios deixaron, segundo informan medios locais, uns nove falecidos e 125 feridos. Os manifestantes denunciaban o uso de munición por parte das forzas da orde.
Hai ademais cinco feridos graves sometidos a operacións de urxencia durante a madrugada pasada, o seu prognóstico é reservado. Hai dúas persoas en estado de morte cerebral.

Os mandos policiais defenderon a súa actuación: "Non son protestas pacíficas"
Desde que comezaron os enfrontamentos tras as eleccións xerais do 20 de outubro e ante a denuncia de "pucheirazo", contabilízanse uns 20 falecidos e máis de 500 feridos.

E mentres as protestas se estenden por diferentes partes do país... Na Paz os choques dos manifestantes, que protestaban contra o goberno de Jeanine Añez, coa policía e o exército deixaban 110 detidos.
"Non temos un goberno legal", dixo un manifestante

Evo Morales, en México desde a súa renuncia, denunciou a través das redes sociais a actuación do que cualificou como "réxime golpista" e pediu que "cese o masacre".
E este sábado a presidenta interina de Bolivia e o autoproclamado presidente encargado de Venezuela, Juan Guaidó, falaron a través de videoconferencia sobre o nomeamento de novos embaixadores nos dous países. Destacaron que a renuncia de Evo Morales o domingo pasado "foi unha fonte de inspiración" para acadar cambios democráticos...
 

Noticias web

16/11/2019