Os enfermos de coronavirus non poderán votar nas primarias de Bos Aires
Publicado o 03/09/2021 21:00
Os porteños contaxiados ou que sexan contactos estreitos de positivos por coronavirus non poderán votar presencialmente nas eleccións primarias do vindeiro 12 de setembro.
Así o ordenou a xuíza federal María Servini, que ten competencia electoral para a cidade de Bos Aires. Segundo a súa resolución xudicial, a prohibición de circular para quen transite un illamento obrigatorio por coronavirus é motivo suficiente para non ter que ir votar.
Quen asista a un colexio electoral con síntomas de coronavirus ou sendo contactos estreitos terán prohibida a entrada. Recordemos que na Arxentina o voto sempre é obrigatorio, tamén nas primarias do próximo domingo, onde se definirán os candidatos que se presentarán ás eleccións lexislativas de novembro.