CRTVG

Buscar

Os encoros de competencia autonómica, ao 68 %, escapan da polémica dos baleirados

Publicado o 23/08/2021 15:33

O de Portodemouros é o maior dos once encoros hidroeléctricos de competencia autonómica, e agora está ao 62,4 por cento da súa capacidade. Segundo explican en Augas de Galicia é a situación normal nestas datas, e a media de ocupación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa está mesmo por riba da do ano pasado.

"O estado xeral dos encoros de Galicia Costa están cun 68 por cento de ocupación de media, un dous por cento máis que o ano pasado", afirma Rubén Curros, xefe do servizo de Planificación de Augas de Galicia. 

Os encoros de abastecemento están ao 90 por cento e os hidroeléctricos ao 66 por cento de capacidade, así que dende a Xunta falan dunha situación "de normalidade e tranquilidade".  

Fan balance de situación logo de que saltaran as alarmas pola drástica redución de nivel en catro encoros da conca hidrográfica Miño-Sil, de competencia estatal.

"Na Xunta temos normativa que impide esas baixadas desmesuradas, impide baixar do vinte por cento de ocupación nos encoros", explica a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. "Temos mecanismos de control, de preaviso e de alerta previa antes de acadar eses niveis mínimos" engade, e tacha de "irresponsabilidade" baixar deses niveis. 

As presas estatais de Portas ou de Cenza están ao quince por cento de capacidade e mesmo por baixo diso. A consellería de Medio Ambiente estuda as consecuencias que poida ter no medio este baleirado abrupto das presas, que tamén denuncian nas asociacións ecoloxistas.

"Van provocar unha remoción dos lodos do fondo dos encoros, que poden afogar os peixes, di Ángel Dorrío, da asociación ecoloxista Amigos da Terra. "E tamén pode haber danos na vexetación de ribeira", engade. 

A Xunta di que de momento non se constataron afeccións sobre a biodiversidade, pero continuará co control nestas áreas.

Noticias web

23/08/2021