Os electores poden pedir que non lles envíen propaganda
Por primeira vez, os votantes poderán pedirlle ao censo electoral que non pase os seus datos aos partidos políticos para que non lles manden propaganda por correo.
Esta solicitude pódese facer por Internet a través da sede electrónica do Instituto Nacional de Estatística sempre que se conte con certificado electrónico.
Estas serán tamén as primeiras elecccións en que os partidos poderán usar datos persoais obtidos en páxinas web para enviar propaganda por medios electrónicos e sistemas de mensaxería. Tamén poderán contratar propaganda en redes sociais. Iso si, os electores poderán solicitar que deixen de enviarlles esta información.
Ademais, dende este martes e ata o 15 de abril está aberto o prazo para solicitar o voto por correo. Poderán facelo en calquera oficina de Correos de España. Entre o 8 e o 21 de abril, recibirán na casa a documentación precisa para votar. Nesa documentación escollerán a papeleta do partido que prefiran, volverana meter no sobre e levarana a calquera oficina postal.
O Ministerio de Exteriores ten información na súa páxina sobre como votar se se reside fóra de España.