CRTVG

Buscar

Os edís do PP evitan a reprobación da alcaldesa de Boimorto pola súa vacinación

Publicado o 12/02/2021 23:24
Os edís do PP evitan a reprobación da alcaldesa de Boimorto pola súa vacinación

Os cinco edís que se manteñen nas filas do PP no Concello de Boimorto salvaron de ser reprobada á alcaldesa, María Jesús Novo, que pediu a baixa do partido por mor da polémica xurdida despois de vacinarse contra a covid-19 na residencia de titularidade municipal sen formar parte do seu persoal.

Fixérono despois de que PSdeG (con tres concelleiros) e BNG (con dous) impulsasen unha iniciativa que foi sometida a votación e que reivindicaba a reprobación coa esixencia inmediata de dimisión da rexedora, que este venres defendeuse e asegurou que "o presunto escándalo" que a oposición "quere vender non existe".

"Vacineime en aras de salvagardar os residentes que son a miña máxima preocupación neste tempo. Nunca aceptei poñer esa vacina que viña ao meu nome por un interese propio, a miña conciencia xamais o permitiría", sentenciou a alcaldesa, quen asegurou contar co apoio dos veciños de Boimorto, e mesmo co apoio privado de concelleiros da oposición.

Os portavoces de PSdeG e BNG no pleno, Sandra Sánchez e Xosé Luís Rivas, puxeron o foco nos populares, a quen a socialista interpelou directamente. "Se non queren ser vostedes os sinalados no xornal de mañá nin ser cómplices, actúen", apelou. Os dirixentes populares non responderon e a iniciativa quedou rexeitada coa maioría do voto dos populares fronte aos de socialistas e nacionalistas.