CRTVG

Buscar

Os edís críticos de Democracia Ourensá pasan ao grupo de non adscritos

Publicado o 13/05/2021 12:50
Os edís críticos de Democracia Ourensá pasan ao grupo de non adscritos

A crise municipal continúa no concello de Ourense, onde o goberno local queda en minoría co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o único apoio de dous concelleiros.

Os edís críticos Miguel Caride, María del Mar Fernández Dibuja e María Teresa Rodríguez Garrido abandonaron o grupo municipal polo que pasan ao de non adscritos, tal e como confirmou o consistorio.

O primeiro deles fixo o mesmo na Deputación, polo que Democracia Ourensá (DO) quedará representada unicamente por Armando Ojea.

Os catro concelleiros racharan co rexedor o pasado mes de agosto, tras denunciar irregularidades económicas no partido, relacionadas con doazóns forzosas. Na súa opinión, “non existe democracia interna no seo do grupo municipal”.

Segundo o alcalde, o abandono débese “única e exclusivamente a intereses económicos”. Neste sentido, lembrou que tomaron a decisión tras seren “apartados das xuntas de área por non respectar a disciplina de voto nos plenos”. Ao seu parecer, marchan “antes de que os boten” e despois de deixar de percibir “os máis de 300 euros mensuais” que lles corresponderían ao mes.

Os díscolos xustificaron a decición pola falta de confianza coa formación fundada por Gonzalo Pérez Jácome. “Consideramos que non podemos seguir vinculados ás siglas do partido, que hoxe representan todo o negativo da cidade”, salientan nun escrito.

En concreto, repróchanlle a serie “de despropósitos” dentro da "destrutiva" política municipal, que van dende a “ruína do termalismo”, a un plan municipal “tirado ao lixo”, pasando pola paralización dos expedientes de contratación, actualmente “en precario”.

Tamén cuestionan o enfrontamento do goberno co funcionariado, e a falta de iniciativas para impulsar o desenvolvemento económico.

Noticias web

13/05/2021