CRTVG

Buscar

Os edificios ilumínanse de verde no Día Mundial da ELA

Publicado o 21/06/2021 20:45

Trescentos monumentos de toda España, entre eles a Ponte Vella de Ourense, iluminaranse de verde para visibilizar esa enfermidade da que se diagnostican 3 casos novos cada día. É unha enfermidade neurodexenerativa, incurable e mortal.

O que pretenden colectivos como a asociación galega de ELA, impulsora desta iniciativa, é que a administración dedique máis esforzos é investigación e tratamento desta enfermidade. A esperanza de vida un enfermo de ELA oscila entre 2 e 5 anos desde o diagnóstico, pero é que ese diagnóstico, cos protocolos actuais, demórase ata un ano ou máis.

Olga Prado Fraguas, ten ELA: "Cáeche a vida, as esperanzas, as ilusións... Xerras de auga fría, cando che din que é ELA".

Así recibiu Olga o diagnóstico da esclerose lateral amiotrófica. Preparábase para unha competición de atletismo cando percibiu o primeiro síntoma: "Que a perna estaba moi débil, caía, cansábame...".

Diagnosticárona hai un ano e medio e actualmente xa é unha persoa dependente. A pandemia da covid agravou a situación.

"Ao non poder saír e facer máis movemento, nin ir ao fisio, atrófiaste máis", comenta Olga.

O que pide Olga con esta visibilización da súa enfermidade é que as administracións e a sociedade no seu conxunto se impliquen para que avancen as investigacións.

Olga Prado Fraguas: "En España hai máis de 70 ensaios. Axudarlles a que vaian adiante, porque nós o que menos temos é tempo".

O atraso no diagnóstico, que adoita demorarse máis dun ano desde os primeiros síntomas, é outro dos cabalos de batalla dos afectados por esta enfermidade que cada día suma 3 novos casos en España.

Noticias web

21/06/2021