CRTVG

Buscar

Os drons cos que intentarán rescatar cans na Palma conseguen levarlles comida

Publicado o 19/10/2021 16:49

O equipo galego especialista en emerxencias con drons xa estuda sobre o terreo na illa da Palma como salvar catro cans que quedaron rodeados pola lava do volcán Cumbre Vieja. Polo momento lograron alimentalos baixándolles comida. O paso seguinte é cargalos un a un cun dron capaz de levantar ata 23 quilos de peso.

O equipo galego está xa na Palma á espera de que as autoridades lle dean luz verde para poder rescatar estes animais que levan días entre a cinza. Quedaron atrapados entre a lava do volcán soportando temperaturas altísimas.

Un traballo contra o reloxo para mantelos con vida. Polo momento facilítanlles alimentos e auga cos drons. Queren proporcionarlles tamén algún refuxio e tamén evacualos, pero iso é máis complicado. O dron pode con 23 quilos. Deberían entrar un a un na rede.

O servizo de emerxencias das Canarias e a organización animalista Leales pedíronlles axuda porque esta empresa galega é pioneira neste tipo de rescates de emerxencia.

Eles están dispostos a intentalo, saben que hai riscos; pero de levarse a cabo, agardan coroar a operación con éxito.

Noticias web

19/10/2021