CRTVG

Buscar

Aproban o permiso de traballo dos dous mozos do Senegal que axudaron a Samuel

Publicado o 20/07/2021 15:09

O Goberno regulariza os dous mozos senegaleses que tentaron axudar a Samuel. Concédelles permiso de residencia e de traballo. Os dous homes estaban en situación administrativa irregular. O Goberno autoriza a residencia e o permiso para traballar "por circunstancias excepcionais". Un permiso que segundo avanzan as autoridades será efectivo "en breve".

O testemuño destes dous rapaces foi de gran importancia na investigación do asasinato de Samuel. Identificaron os seis mozos que cometeron, supostamente, o homicidio, e ademais deron pistas sobre outros posibles agresores.

Desde a Secretaría de Estado de Migracións explicaron que a Ibrahima Diack e Magatte  Ndyae, os dous mozos senengales, se lles vai conceder un permiso de residencia e traballo "dun ano renovable", que o Executivo pode autorizar "por razóns excepcionais".

Trátase do aspecto do Regulamento de Estranxeiría quer recolle que existen resortes que permiten de forma excepcional proceder a regularizar a situación dunha persoa cando se dan ese tipo de situacións excepcionais, entre elas por "colaboración con autoridades públicas".

Os tres mozos encarcerados polo crime de Samuel están en prisión. Ata agora estiveron illados e en celas individuais no cárcere de Teixeiro por protocolo anticovid−19.

Esta semana agárdase que se levante o segredo do sumario neste caso. É a principal demanda dos avogados que defenden os acusados: insisten en que sen coñecer qué probas hai na contra dos seus clientes resulta imposible defender os seus dereitos.

Pero a xuíza aprazou o pasado venres esa decisión, en tanto a investigación policial seguía aberta.

Noticias web

20/07/2021