CRTVG

Buscar

Os donos de cans de Ribadeo deberán levar auga e xabón ao pasealos

Publicado o 05/02/2021 17:24

Aínda non entrou en vigor, pero algúns donos de cans de Ribadeo xa se adaptaron á ordenanza de limpeza municipal que establece que deberán levar un envase con auga e un produto de limpeza para lavar aqueles lugares onde os animais fagan as súas necesidades. Xa non abonda con utilizar as bolsas para recoller os excrementos. Unhas bolsas que, por certo, ás veces acaban tiradas na rúa. Agora haberá que actuar de forma que non quede nin rastro das deposicións dos animais domésticos. Unha medida ben acollida polos donos dos cans.

"Paréceme ben. Se tes un can, tes que ser responsable e deixar limpo o que manche".

"É unha boa medida. Temos que concienciarnos e non é tan difícil levar unha botella con nós".

"O meu home é de Cádiz e alí xa se fai dende hai anos. Paréceme xenial".

A ordenanza prohibe que as deposicións dos cans se produzan sobre o mobiliario urbano, edificios e vehículos ou zonas destinadas ao paso de peóns e lugares de xogo. O incumprimento destas normas pode conlevar sancións de ata 750 euros ou mesmo de 3.000 no caso de seren reiterados.

Noticias web

05/02/2021