En xullo comezarán a aplicarse descontos na AP-9
• Serán do 100 % nas viaxes de volta e dun 20 % adicional para quen faga máis de 20 viaxes ao mes
• Ábalos tamén anuncia que se solicitarán fondos europeos para a construción da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, anunciou a previsión de que as rebaixas na peaxe da AP-9 poidan implantarse no mes de xullo e que suporán a bonificación do 100 % nas viaxes de volta para todos os vehículos que teñan o dispositivo electrónico. O ministro asegurou que se trata dun dun calendario "ambicioso" no que agora "o importante é avanzar na negociación coa concesionaria", Audasa.
Ábalos concretou un esquema que "xa está moi perfilado" e que é "coincidente en gran medida" coa proposta que expón o Goberno galego. Na conferencia de prensa tras a reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Ábalos especificou que no caso do tramo Vigo-Rendondela a peaxe será "gratis total", haberá unha bonificación para vehículos pesados, e un desconto adicional do 20 %, para usuarios que realicen máis de 20 viaxes mensuais en calquera tramo da autoestrada.
Ábalos destacou que se trata da maior rebaixa de peaxes na historia de España, que supoñerá unha aposta económica de 1.500 millóns de euros ata o final da concesión, uns 60 millóns de euros anuais, mentres que Feijóo mostrouse "satisfeito" por este compromiso e insistiu en avanzar tamén na transferencia a Galicia da autoestrada.
A reunión entre o presdiente da Xunta e o ministro de Tasnsporte completa a que celebraron fai menos dun mes en Madrid, nos que a AP-9 e o desbloqueo da conexión ferroviaria co porte exterior da Coruña.
Conexión co porto exterior
Así, este venres, ademais de anunciar as rebaixas nas peaxes da AP-9, Ábalos confirmou que se solicitarán fondos europeos Next Generation para a conexión ferroviaria a Punta Langosteira. En todo caso, Ábalos lembrou que aínda é necesario un convenio para trasladar a actividade do porto interior ao exterior, un instrumento para xestionar os terreos liberados e a reestruturación da débeda que a Autoridade Portuaria mantén con Portos do Estado.
Pola súa banda, Núñez Feijóo asegurou que a Xunta se vai a "implicar" para que dous peiraos interiores, o de Calvo Sotelo e de Batería, se desafecten de maneira inmediata e "se convertan en cidade", unha operación valorada en 26 millóns de euros, das que o Goberno galego comprométese a achegar a metade.
Segundo Núñez Feijóo, agora "a pelota está no tellado do concello e o porto" e a Xunta vai sumarse para colaborar, como entende tamén debe de facelo a Deputación da Coruña.
Finalización do AVE
O ministro tamén dixo que o AVE a Madrid entrará en funcionamento este ano, dado que xa están a circular pola nova infraestrutura os trens laboratorio do Adif.
Ademais, o Ministerio de Transportes ten previsto licitar este mes o estudo de alternativas para a prolongación do Eixo Atlántico cara a Portugal, a denominada saída sur de Vigo e trabállase para completar a ligazón pendente entre a rede galega e a portuguesa como parte do Corredor Atlántico.
Para dar impulso a este corredor, o Ministerio vai nomear un coordinador, ao mesmo nivel que o que xa existe para o Corredor Mediterráneo, e solicitará fondos do Mecanismo Conectar Europa (CEF).
Tanto Ábalos como Feijóo coincidiron en que lograron importantes "avances e compromisos" sobre as infraestruturas fundamentais para Galicia e quedaron en manter contactos cuadrimestrais para seguir perfilando os detalles dos acordos alcanzados e ultimar outros.
En canto aos fondos de recuperación europeos, Ábalos apuntou que por parte do seu Ministerio poderían implicar para Galicia unha total de máis de 1.200 millóns de euros, 225 millóns xa este ano.
Unha cifra que Feijóo dixo que é só de referencia e está "sen pechar", á espera de como se vai concretando por proxectos, entre os que se inclúen os da conexión a Punta Langosteira.
Polo que respecta ás estradas na comunidade, Ábalos anunciou a reapertura do túnel do Folgoso, na Cañiza, para finais deste mes, unha vez conclúan os traballos de rehabilitación dos danos materiais causados por un accidente.
En canto á autovía A-54 Santiago-Lugo, recoñeceu que se está traballando para "superar as incidencias ambientais e patrimoniais nos traxectos restantes". Ademais, como unha actuación innovadora, remarcou que se deu inicio á fase de construción e experimentación en campo dos instrumentos de illamento, eliminación e desprazamento das néboas no Alto do Fiouco, na A-8.
Tamén se abordou na reunión entre Ábalos e Feijóo a licitación das obras da estación ferroviaria de Santiago de Compostela, e a tramitación dun novo convenio para a intermodal da Coruña, así como a inauguración este ano do Centro Vialia na estación de Urzáiz, en Vigo.
En resumo, o presidente galego cualificou a reunión de "cordial e produtiva", a pesar de que quedaron pendentes cuestións sobre a celebración do Xacobeo, e o ministro agradeceu o "ton" mantido, que facilitou o entendemento, aínda que tamén apuntou que Núñez Feijóo é "moi insistente".