CRTVG

Buscar

Os desaloxados polo incendio en Vilalba aínda non poden volver ás súas vivendas

Publicado o 08/06/2021 14:07

Tras o incendio que arrasou unha casa no centro de Vilalba, a maior parte dos veciños evacuados puideron volver aos seus fogares. Pero non foi o caso dos residentes nos edificios lindeiros, que continúan á espera das valoracións dos peritos para poder regresar de forma segura.

"Non podemos entrar. Dixéronnos que en principio non hai danos estruturais, pero que hai un olor bastante forte a fume e a cable queimado. Non nos deron o visto e prace para poder entrar, así que de momento non temos noticias de poder volver", di unha das veciñas desaloxadas.

Entre os desaloxados figuran persoas de idade avanzada e de mobilidade reducida e mais familias con nenos pequenos. Reubicados en hoteis e en vivendas de familiares, só se lles permitiu acceder aos seus pisos para recoller as pertenzas que precisen mentres non poidan retornar ás súas vivendas.

"Non me dixeron que collese cousas para volver mañá. Como mínimo, para esta semana eu collín. Como non nos din se é para mañá ou pasado, xa collín para non ter que estar entrando na vivenda todos os días, polo risco que iso conleva", engade.

Mentres, a Garda Civil segue a investigar as causas do incendio que arrasou a coñecida como a Casa das Maragatinas, un edificio centenario de tres alturas característico do centro histórico da capital chairega.

Noticias web

08/06/2021