Os deputados, con máscara no primeiro control ao Goberno do curso

Este mércores celébrase a primeira sesión de control do curso político no Congreso. A sesión de hoxe caracterízase polo uso da máscara por parte de todos os deputados despois da recomendación dos servizos médicos da Cámara.
A Mesa analizou o pasado martes a recomendación e a Xunta de Portavoces, por maioría, apoiouna. Esta consiste en que sempre que o deputado fale desde o escano deberá ter a máscara posta, xa que non existe distancia de seguridade cos parlamentarios que están á beira.
Malia que o hemiciclo está ao 50 % da súa capacidade, tras o acordo adoptado neste sentido polos grupos, en prevención de contaxios, a distancia entre os deputados non é de 1,5 metros.
O deste mércores foi o primeiro pleno en que se puxo en práctica a recomendación: o líder do PP, Pablo Casado, criticou a xestión do Goberno coa boca tapada, e o presidente, Pedro Sánchez, reprochou así a actitude dos populares por romperen todas as pontes para o acordo.
O vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, non sen ironía, pediu ao secretario xeral do PP e deputado por Murcia, Teodoro García Egea, que "vocalice mellor" porque "falaba moi rápido".
O dirixente popular contestoulle: "Hai que saír máis; España é diversa nos acentos".
A que xa dende o martes non quitou a máscara en ningún momento foi a presidenta do Congreso Meritxell Batet.