CRTVG

Buscar

Os cubanos dos Estados Unidos piden a implicación de Biden

Publicado o 15/07/2021 21:05

Os cubanos que viven nos Estados Unidos demandan a implicación de Joe Biden. As protestas masivas en Cuba abriron unha fronte nova para a Casa Branca, unha fronte que pode provocar turbulencias políticas serias en Estados Unidos. 

A crise aberta en Cuba engadiu unha dor de cabeza máis á Administración Biden. O seu partido, o Partido Demócrata, perdeu moito apoio latino na Florida nas eleccións de 2020. Quizais por iso Biden polo de agora mantivo o endurecemento do embargo a Cuba que reimpuxo Donald Trump.

A maioría dos electores cubanoamericanos da Florida non queren conciliación co réxime castrista e desconfían das simpatías socialistas que emerxen dentro do Partido Demócrata. Agora presionan a Biden para que aproveite a oportunidade que non tiveron outros presidentes. As primeiras protestas masivas en Cuba desde a revolución de 1959. 

Por segunda xornada consecutiva, os cubanos exiliados volveron cortar unha das principais autoestradas de Miami e reiteraron a súa petición para que Washington se implique na resolución da crise.

Coinciden as distintas asociacións que representan aos opositores no exterior ao réxime da Habana que por vez primeira as protestas no interior da illa aglutinan unha ampla representación da sociedade cubana. Un exiliado cubano afirma que "o que se está vendo non é a clase media protestando, o que se está vendo en Cuba agora mesmo non é a clase pobre protestando, o que se está vendo en Cuba non é unha raza protestando, está o país enteiro."

 

 

Noticias web

15/07/2021