Os criadores de capón de Vilalba agardan manter as vendas
As capoeiras, os espazos pechados onde os capóns pasan o último mes e medio, xa están listas para acoller as aves que se van degustar este ano nas festas do Nadal. Aquí van seguir unha dieta de patacas e millo que lles confire o seu tradicional sabor e carga de graxa.
Os animais xa teñen un peso máis que aceptable, e estas últimas semanas servirán para que cheguen aos seis ou sete quilos cos que saen ao mercado.
"Poden ser seis, sete, cinco e medio. Non todos os animais van pesar igaul porque depende de moitos factores, pero algúns poden chegar fácilmente a sete quilos", di Milagros Lozano, criadora de capóns.
Este ano non está previsto que se celebre a feira do capón, pero os criadores xa están en contacto cos clientes habituais e non se agarda que baixen as vendas de xeito significativo. Ademais, pódense pedir os capóns a través da internet e das redes sociais, e a maioría sérvense a domicilio.
Malia os condicionantes derivados da pandemia, os prezos volverán ser os mesmos, entre 80 e 100 euros segundo o peso. "Este ano non se prevé que haxa a feira e non sabemos como irá a cousa. Eu xa falei cos clientes de sempre e non van fallar".
O mellor indicador da saúde e boa alimentación dos capóns e o brillo da plumaxe, como é o caso destes exemplares.