CRTVG

Buscar

Os corpos de seguridade tiveron que avisar e nalgún caso tamén sancionar hostaleiros e clientes

Publicado o 07/11/2020 22:04

A entrada en vigor das novas restricións deixou nas últimas horas as primeiras sancións. Aínda que polo xeral foi unha noite tranquila, os corpos de seguridade tiveron que avisar e nalgún caso tamén sancionar hostaleiros e clientes. 

O certo é que estas primeiras horas de entrada en vigor das novas restricións en 60 concellos galegos transcorreron con normalidade, sen demasiadas incidencias, aínda que si houbo algunha sanción e actuacións policiais en cidades como a da Coruña. ENTRAN. Alí a Policía Local tivo que acudir a un local que permanecía aberto pasadas as dúas da mañá e coa clientela no interior. Os axentes sancionaron tanto o dono como os clientes, por saltaren o toque de queda. Tamén levantaron acta a unha ducia de persoas que estaban na vía pública fóra do horario permitido, e puxeron outras tantas denuncias de tráfico de vehículos. En Vigo, foron nove as denuncias por incumprimento das novas restricións e en Ponteareas, a Policía Local tivo que intervir por aglomeración de clientes en varios locais e tamén na rúa. No que levamos de semana a Policía Autonómica tramitou máis de 200 denuncias en 50 concellos, todas por incumprimento das medidas para frear o coronavirus. Realizaron máis de 300 dispoisitivos, 700 inspeccións e identificaron máis de 3.700 persoas.

Horas antes do peche da hostalería, a Policía Local de Ponteareas denunciou un establecemento por exceso de cabida no interior do local. Segundo fontes municipais, os axentes interviron en varios negocios polas queixas veciñais pola presenza de persoas presuntamente consumindo na rúa.

Desde a asociación de hostaleiros hai malestar pola difusión dunhas fotografías nas redes sociais do concello ponteareán presuntamente tomadas por cidadáns e que, supostamente, reflicten concentracións de persoas no exterior dun local. O propietario do negocio amosouse sorprendido de aparecer na publicación xa que nin siquera foi apercibido pola patrulla que fixo o control na noite do venres.

O concello de Ponteareas declinou facer declaracións á Televisión de Galicia para ampliar esta información.
 

Noticias web

07/11/2020