Controis aleatorios da Policía Local de Marín detectan once positivos por alcol na fin de semana
O resultado dos controis aleatorios conxuntos da Policía Local de Marín e da Nacional, a fin de semana pasada, sorprendeu os propios axentes.
Benigno Blanco, xefe da Policía Local de Marín: "Non é que as taxas foran moi elevadas, aínda que si houbo algunha que superou o dobre do permitido, pero o que máis nos sorprendeu foi a cantidade de positivos de alcol que detectamos. Había moito tempo que non detectabamos tanto positivo de alcol".
En seis horas escasas, repartidas entre as noites do venres e o sábado, detectaron once condutores que deron positivo por consumo de alcol e dous por drogas.
Benigno Blanco, xefe da Policía Local de Marín: "Ata agora había moitos condutores alternativos que case non consumían alcol, e fomentábase amplamente o uso do taxi. Durante esta fin de semana case non vimos utilizar ese medio de transporte e poucos condutores alternativos".
Os infractores enfróntanse a sancións que, como mínimo, supoñen a perda de catro puntos e unha multa de 500 euros.
Benigno Blanco, xefe da Policía Local de Marín: "Cremos que, debido ao moito tempo que a xente estivo confinada e con restricións para o ocio, houbo un desmadre e iso notámolo nos condutores".
Van seguir os controis conxuntos coa Policía Nacional que iniciaron durante a pandemia, con resultados que consideran moi satisfactorios.