CRTVG

Buscar

Os contaxios aumentan en España, con 12.386 casos e unha incidencia maior a 250

Publicado o 23/12/2020 18:39
Os contaxios aumentan en España, con 12.386 casos e unha incidencia maior a 250

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 12.386 novos casos de COVID-19, 6.819 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra superior aos 11.078 do mesmo día da semana anterior.

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 1.842.289 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 253, fronte a 236 onte e 201 o mércores pasado, cun total de 119.323 positivos nas pasadas dúas semanas.

No informe deste mércores engadíronse 178 novos falecementos, en comparación cos 260 de onte e 195 do mércores pasado. Ata 49.698 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo Ministerio. Na última semana faleceron 648 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo.

Actualmente hai 11.328 pacientes ingresados por coronavirus en toda España (11.500 onte) e 1.932 en UCI (1.906 onte). Nas últimas 24 horas producíronse 1.265 ingresos (1.266 onte) e 1.409 altas (1.241 onte). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 9,24% (9,40% onte) e nas UCI no 20,20% (20,01% onte).