CRTVG

Buscar

Os contaxios pola covid−19 repuntan en toda A Mariña

Publicado o 19/07/2021 14:13

A quinta vaga chegou á Mariña xusto no comezo do mellor momento para a campaña turística. Todos os concellos da comarca rexistran algún contaxio e os casos van en liña ascendente nas localidades máis poboadas, como Foz, Viveiro, Burela e Ribadeo. Persoas novas e gromos explosivos vencellados ás saídas nocturnas son o perfil dos contaxios. As autoridades sanitarias fan un chamamento á responsabilidade.

"De reunións nocturnas. Preocúpanos porque son gromos explosivos con moitos casos que poden repercutir na presión asistencial", asegura o xerente da área sanitaria Ramón Ares.

Hai case 250 persoas contaxiadas na Mariña, se ben a presión asistencial segue a ser baixa no hospital de referencia, o de Burela, con dúas persoas ingresadas en planta. Os veciños amósanse preocupados ante este novo gromo que pode prexudicar a chegada de turistas.

"Non sorprende porque a relaxación das normas sempre trae estas cousas". "Preocupa porque os maiores estamos vacinados pero aínda hai moita xente sen vacina". "É mellor seguir levando a máscara e deixarse de tanta festa".

En Lourenzá e Ourol tamén se superan os 500 casos por 100.000 habitantes, se ben son concellos con pouca densidade de poboación.

Noticias web

19/07/2021