Os contaxios na Coruña non deixan de medrar desde o Nadal
A Coruña preocupa. A súa incidencia da covid disparouse despois do Nadal. Sobe de 250 a 266 casos por cada cen mil habitantes. Nas últimas 24 horas rexistráronse 151 novos contaxios e o total de hospitalizados na área sanitaria ascende a 109, 88 ingresados en planta e 21 en coidados intensivos.
Hoxe poderían adoptarse restricións máis duras. Entre elas, a mobilidade por franxas de idade, o que suporía establecer horarios de saída á rúa para que os fluxos de xente sexan máis graduais.
Outra das medidas podería afectar a hostalería. "Estamos tensos. Eu, por exemplo, nos meus negocios este decembro facturei un 20 por cento respecto ao do ano pasado". "A ver que medidas toman porque moitos seguramente non aguanten máis e teñan que pechar para sempre", di Antón Sáez, presidente dos hostaleiros da zona da Mariña.
Os coruñeses, pechados perimetralmente desde o pasado mes de outubro, din que están fartos das restricións, pero entenden que son necesarias porque a situación empeora a pasos de xigante.