CRTVG

Buscar

Galicia supera os 400 novos positivos e case á metade producíronse en Ourense

Publicado o 10/10/2020 23:28

•  A taxa de positividade en Ourense dispárase ata o 22,5%

No Carballiño entraron en vigor novas restricións

Segundo indica a Consellería de Sanidade, ata onte ás 6 da tarde rexistráranse 405 casos novos en Galicia, un número que se aproxima, aos casos detectados a finais de marzo, coa diferenza de que nestes momentos a cantidade de probas realizadas é moito maior, 5.942 na última xornada.

Dos novos positivos, 191 correspóndenlle á área sanitaria de Ourense, 65 á de Santiago, 38 á de Lugo, 36 á da Coruña, 31 a Vigo, 28 a Pontevedra e 16 a Ferrol. A taxa de positividade en Ourense dispárase así ata o 22,5%.

A cifra de vítimas tamén aumenta cun novo falecemento desde onte á tarde, unha anciá da residencia Ballesol de Oleiros. 

O Servizo Galego de Saúde informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.358, case un cento máis que na xornada anterior. Por áreas sanitarias:

· Ourense   1.474 (+123)

· A Coruña   747 (-10)

· Santiago  581 (+29)

· Pontevedra 541 (-32)

· Lugo  466 (-28)

· Vigo 435 (+2)

· Ferrol 114 (+10)

En canto á situación hospitalaria, descende o número de persoas ingresadas, tanto en UCI, onde hai 37 (unha menos ca onte) como en planta, onde hai 175 (12 menos). A área sanitaria de Ourense é a que máis presión soporta, con 55 pacientes en planta e 10 nas unidades de coidados intensivos.

Esta semana esta área trasladou xa un paciente a Vigo co obxectivo de anticiparse á necesidade de camas na UCI. Nestes momentos Ourense ten 1.474 casos activos, máis dun terzo dos que se rexistran en toda Galicia. Unha parte deles son anciáns das residencias, dos Gozos, no Pereiro de Aguiar, onde se detectaron 41 novos casos entre usuarios nas últimas horas, o que sitúa este xeriátrico como o de maior número de casos en Galicia, con 153 positivos. Tamén a Val de Monterrei detectou 10 novos positivos entre os anciáns.

A última vítima mortal é unha muller de 93 anos que faleceu na residencia de maiores Ballesol de Oleiros, e que fai que sexan xa 780 os finados con coronavirus en Galicia. Desta cifra, son 335 os relacionados con centros residenciais, dos que 150 morreron nas propias residencias e 185 en hospitais e residencias integradas. 

O número de PCR realizadas é de 543.138 (+5.946).

En canto aos datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario, o número de postiivos en Galicia é de 421, con 23 aulas e 1 centro pechado.