CRTVG

Buscar

Galicia reduce case á metade os novos positivos e rexistra a cifra máis baixa nun ano

Publicado o 26/09/2021 10:50

Os datos ofrecidos este domingo pola Consellería de Sanidade volven confirmar a melloría da situación epidemiolóxica en Galicia. Hoxe temos o rexistro máis baixo de contaxios de todo este ano con só 31 casos novos. Hai que remontarse ata agosto do ano pasado para ter unha cifra tan baixa.

Ningunha área sanitaria rexistrou ata as 18:00 horas de onte máis de oito contaxios. A Coruña suma catro, Ferrol un, Lugo catro, Ourense sete, Pontevedra seis, Santiago dous e Vigo oito. 

Isto reforza a caída continua de casos activos que xa se viña rexistrando, con 1.310 persoas que pasan a enfermidade neste momento. Son 133 menos ca na xornada anterior.

Por áreas sanitarias, Ferrol rexistra 31 casos activos (-7), A Coruña 312 (-28), Vigo 261 (-26), Lugo 241 (-27), Ourense 198 (-3), Santiago 175 (-33) e Pontevedra 92 (-9).

Situación hospitalaria

A situación hospitalaria mantense estable, cunha persoa menos en coidados intensivos, onde quedan 17 persoas infectadas. En planta, continúan ingresadas 41, as mesmas ca o venres. Este sábado Ferrol convertíase na primeira área sen persoas hospitalizadas por mor da covid−19.

Dende o luns faleceron dez persoas coa covid−19 en Galicia. Este sábado, o Sergas comunicou unha nova morte correspondente ao mes de agosto, polo que a cifra total, dende o inicio da pandemia, ascende a 2.629.

Ata o momento, administráronse en Galicia 4.359.203 doses da vacina e xa hai 2.253.887 persoas que contan coa pauta completa.

O número de PCR realizadas é de 2.825.746, con 2.346 na última xornada, e mais 840.740 tests de antíxenos e 1.120.254 doutras probas diagnósticas.