Falecen nove persoas con coronavirus, nunha xornada con máis enfermos na UCI e menos contaxios diarios
• A Coruña, única área por riba dos cen casos novos de coronavirus | Supera a Vigo en casos diarios
• Os contaxios soben tamén en Ferrol e Ourense
• Consulta a incidencia acumulada no teu concello
Sanidade notifica nove falecementos nas últimas horas de pacientes con coronavirus. A cifra total de mortes desde o comezo da pandemia é de 1.146. No Hospital da Coruña morreron catro persoas: unha muller de 83 anos, outra de 86 anos, unha terceira de 85 anos e outra de 81. Outros dous no Clínico de Santiago: un home de 94 anos e outro de 79. En Pontevedra morría un home de 81 anos.
Os dous últimos falecementos son o dunha muller de 91 anos no Hospital de Valdeorras, procedente da Residencia de Viana do Bolo, e outra no CHUVI en Vigo, da Residencia asistida Meixoeiro.
O Sergas informa de que seguen a baixar os casos activos de coronavirus en Galicia, que se sitúan en 8.828, conforme aos datos das 18:00 horas do sábado. Son 150 menos ca na xornada precedente. Deles, os positivos diagnosticados por PCR son 457, o cal supón 104 menos, tras realizárense 7.131 probas deste tipo. Grazas ás 609 altas, continúa a tendencia positiva de xornadas anteriores, despois do descenso da barreira dos 9.000 enfermos unha xornada antes.
Pero o dato negativo é que empeora a presión asistencial. Malia que os incrementos son leves, os ingresados nas UCI pasan de 96 a 100, con catro pacientes máis, pero en unidades de hospitalización só se incrementa nun, de 438 a 439.
Situación por áreas sanitarias
Os contaxios diarios soben na Coruña, con 15 diagnósticos máis por PCR, e son 125; en Ferrol, con 16 máis ao pasaren de 35 a 51, ou en Ourense, onde soben en seis positivos e pasan de 34 a 40 na última xornada.
En Vigo houbo un descenso notable de 91 diagnósticos menos no día, con 80 fronte aos 171 do informe anterior. Tamén hai descenso en Pontevedra, co diagnóstico de 51 positivos fronte a 87 da xornada anterior, e en Santiago, que pasa de 69 a 54.
Canto aos datos de casos activos, só hai repunta na área de Ferrol, que suma 14 máis, e pasa así de 661 a 675. No resto das áreas descenden, e Santiago queda por baixo dos mil, con 975, 30 menos ca a xornada anterior.
Ourense, con 40 novas infeccións, reduce máis os activos totais, que baixan de 689 a 664, e con iso é outra vez en termos absolutos a área sanitaria menos golpeada pola pandemia nesta segunda vaga.
Galicia suma 8.828 casos activos, 150 menos. Nas últimas horas confirmáronse 457 novos contaxios por PCR:
— G24 (@G24Noticias) November 22, 2020
A área da Coruña (+125) supera á de Vigo (80) en casos diarios
Soben os ingresados nas UCI (+4)
PCR diarias: 7.131
Máis datos
https://t.co/GA4uIk7yGf pic.twitter.com/D1d8qHNK85
Concello a concello: incidencia acumulada a 14 días
Hai 110 concellos cunha incidencia acumulada maior a 250 casos por cada 100.000 habitantes, segundo pode comprobarse na páxina web habilitada polo Sergas para consultar os datos referentes á evolución do coronavirus en Galicia.
Ademais:
• 66 concellos sitúanse entre 150 e 250
• 68 concellos entre 50 e 150
• 13 concellos entre 25 e 50
• 56 concellos con cero casos
No mapa que aparece máis abaixo podes consultar a incidencia acumulada a 14 días do teu concello.