CRTVG

Buscar

Falecen 16 persoas nas últimas 48 horas en Galicia diagnosticadas con covid

Publicado o 06/02/2021 10:27

• Os positivos diarios baixan dos 1.000 por primeira vez na semana | Os contaxios caen un 35% coas restricións

• Vigo é a área que rexistra unha redución maior de infeccións activas 

Falecen 16 persoas nas últimas 48 horas en Galicia diagnosticadas con covid

A cifra de falecementos por coronavirus segue a ser dramática e nas últimas 48 horas o Sergas notifica a morte de 16 persoas nos distintos hospitais galegos. 13 das vítimas faleceron o día 5 de febreiro e as outras 3 este sábado. Desde o comezo da pandemia morreron xa 1.950 persoas como consecuencia da covid.  Nas últimas xornadas nótanse os efectos de que a terceira vaga é a de máis diagnósticos ata a data.

Os falecidos de menor idade son un home de 54 anos e unha muller de 59 anos ingresados no complexo hospitalario da Coruña.

Sucede na primeira xornada nos últimos días con pleno de baixadas nos datos que ofrece o Sergas e que son os recollidos ata as 18 horas do venres. Redúcese de xeito lixeiro a presión hospitalaria con 1.283 persoas ingresadas, (-6). Nas UCI permanecen 247 persoas, o que supón 4 menos que a xornada anterior. En planta hai 1.036 pacientes (-2).

Desde o lado do diagnóstico, os novos contaxios detectados tamén se reducen e están nesta xornada por baixo do milleiro, son 919, 106 menos que a véspera, dos que 808 son positivos por PCR, con 66 menos. As PCR diarias realizadas son 12.980, 1.308 máis que as notificadas na xornada anterior. A positividade tamén baixa e sitúase no 6,22 por cento. Achégase así paso a paso ao 5 por cento que recomenda a OMS.

Os casos activos tamén se reducen en Galicia, con case 800 menos (-799), son 20.887 persoas coa infección activa.

Situación por áreas sanitarias

Os casos activos baixan en todas as áreas sanitarias, coa maior redución en Vigo.  Os datos son os seguintes:

A Coruña: 5. 542,

Ferrol: 1.765

 Lugo: 1.957

Ourense: 2.409

Pontevedra: 2.562

Santiago: 3.183

Vigo : 3.469