Os conservadores de Nova Democracia vencen en Grecia e sucederán a Tsipras
• O partido liderado por Kyriakos Mitsotakis logra a maioría absoluta
• O primeiro ministro grego recoñece publicamente a súa derrota
Grecia e a Unión Europea están pendentes dos resultados das eleccións xerais no país heleno, que apuntan cara a un triunfo contundente do partido conservador Nova Democracia, liderado polo que será o novo primeiro ministro, Misotakis. Alexis Tsipras recoñecía publicamente hai pouco máis de media hora a derrota e a fin da súa etapa á fronte do goberno grego.
Militantes e simpatizantes de Nova Democracia, a tradicional formación da dereita grega, prepáranse para unha longa noite de celebracións dun claro triunfo a teor dos primeiros resultados oficiais e do anticipado polas enquisas a pé de urna, que lle daban unha vantaxe de entre 8 e 12 puntos sobre Syriza.
Todo parece indicar que logrará a maioría absoluta o partido liderado por Kyriakos Mitsotakis, heredeiro dunha das grandes familias da política grega. Este é o momento en que chegaba á sede central de Nova Democracia en Atenas na compaña da súa dona para seguir os resultados electorais. Mitsotakis é o artífice de darlle un verniz de reformismo á vella formación conservadora e será o novo primeiro ministro en substitución de Alexis Tsipras. Hai que ter en conta que o sistema electoral grego favorece as maiorías absolutas ao outorgarlle 50 escanos de propina á formación que consegue maior número de representantes.
Sen dúbida, Alexis Tsipras paga nas urnas o empobrecemento de clases medias e dos xubilados, que sufriron especialmente o impacto do terceiro rescate financeiro da Unión Europea. Con Varoufakis, que agora é un dos seus principais inimigos, dera a batalla contra as imposicións da Europa comunitaria para acabar aceptando á desesperada un rescate aínda máis duro ca o previsto inicialmente. O impacto que iso tivo na poboación nos últimos catro anos favoreceu o triunfo de Nova Democracia. Dáse a circunstancia de que este partido tamén fora desaloxado do poder en 2015 por tomar medidas económicas impopulares.