Os congresistas de EUA levan ao Senado os cargos contra Donald Trump
O Senado dos Estados Unidos xa recibiu as acusacións contra Donald Trump e está preparado para iniciar o xuízo político contra o presidente o martes da semana que vén. A maioría republicana garante a supervivencia política de Trump e tratará de lograr que a súa imaxe saia o menos danada posible.
A presidenta do Congreso, a demócrata Nancy Pelosi, asinou con varios bolígrafos os cargos contra Donald Trump. Os denominados artigos do Impeachment foron trasladados despois en comitiva desde a Cámara de Representantes, no extremo sur do Capitolio, ata o Senado, onde se van ler hoxe nunha cerimonia pública. Toda pompa do procedemento do xuízo político ao presidente dos Estados Unidos marca o inicio da etapa definitiva: quince días, a partir do martes que vén, no que cen senadores convertidos en xurado decidirán se procede ou non a destitución do presidente dos Estados Unidos.
"A razón deste proceso de destitución é unicamente o resentimento", expresaba o líder da minoría republicana no Congreso.
"Cando soubemos o que fixo en relación coa retención de fondos a Ucraína para o seu beneficio persoal e político, non nos quedou máis remedio", respondeu a presidenta demócrata Nancy Pelosi.
Pero hai maioría republicana no Senado, e o proceso de destitución ten poucas posibilidades de prosperar, como non o fixeron os dous anteriores contra Johnson, no 1868, e contra Clinton, 120 anos despois. O líder dos republicanos no Senado considera que a acusación contra Trump é inxusta e apresurada. Mentres pechan filas para que a imaxe do presidente non quede danada, o proceso colle os demócratas no medio das primarias. Trump aspira non só a non ser destituído, senón tamén a gañar as próximas eleccións.