Os concellos de Foz e O Barco de Valdeorras manteñen o nivel medio de restricións
Os concellos de Foz e O Barco de Valdeorras van seguir no nivel medio de restricións, segundo o acordo da Xunta tras reunir este martes o comité clínico que asesora a Consellería de Sanidade.
Segundo explican os responsables do Sergas, os datos epidemiolóxicos dos dous concellos, con gromos en centros educativos, aconsellan manter este nivel de restricións, mentres que o resto dos municipios galegos se manteñen no chanzo medio baixo.
O comité clínico tamén analizou nesta reunión o acordo alcanzado entre a Xunta e o sector do lecer nocturno, polo que os locais que opten por un nivel de esixencia superior, incluído o requisito de certificado covid para o acceso, poderán abrir ata as 4 da madrugada e cunha ocupación do 75 por cento. Tras isto, só queda que a Administración galega presente o decreto ante o TSXG, para que a xustiza decida sobre a legalidade da norma.
Respecto da campaña de vacinación, Sanidade explica que rematou de administrar as terceiras doses no conxunto de centros sociosanitarios pertencentes ás áreas de Santiago de Compostela-A Barbanza, Ferrol, Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Vigo e Pontevedra-O Salnés.
Na xornada de hoxe terminará a vacinación nas áreas de Ourense, Verín e O Barco; mentres que o vindeiro venres completarase nas residencias da área sanitaria da Coruña e Cee.